home.social

#virivember2023 — Public Fediverse posts

Live and recent posts from across the Fediverse tagged #virivember2023, aggregated by home.social.

fetched live
  1. Día 30: ignoto + Derradeiros Días

    CONTEMPLAR O ABISMO

    Cando, nunha noite serena e despexada, volves a mirada aos ceos, non podes evitar pensar na miríada de civilizacións que existiron e existen alí, atrapadas coma vós no seu pozo gravitatorio; ou quizá pensas nos ceos que veron os teus antergos, alumeados polo fulgor dun trillón de estrelas. Sintes unha estraña paz.

    Elimina un Estado apropiado. Podes eliminar outro máis gastando 1 punto de Vontade de loita.

    #rolvember2023 #virivember2023

  2. Día 29: pórtico + Agaco

    SFG-801 atópase na parroquia de [CENSURADO], [CENSURADO]. A veciñanza non parece percibilo, a pesar das súas enormes dimensións. Comprende restos dun muro e unha fachada columnada, ambos de pedra. A iconografía é descoñecida. Cando foi descuberto en 1941, estimóuselle unha antigüidade duns 700 anos. Dende entón, as estructuras parecen ter rexuvenecido sutilmente a ritmo constante. A teoría actual é que foi/será erixido dentro de 700 anos.

    #rolvember2023 #virivember2023

  3. Día 27: oportunidade + Agaco

    SFG-11 semella atraer unha gran sorte á persoa que o posúe, pero estudos co URDA-7 amosan densos bucles en numerosos puntos do fío-vida dalgunhes delis, que ademais parecen avellentar a un ritmo superior ao normal.

    É de latón dourado sen máis gravado que as iniciais "J. P.". As agullas e a roda son de bronce. Numeración: romana (IIII). Todo apunta a que procede do obradoiro de Villar Sanxenís (Cambados) e que foi fabricado en 1895.

    #rolvember2023 #virivember2023

  4. Día 26: revista + Derradeiros Días

    A Redactidade de Magasín é unha organización de ámbito mundial. Cada lúa, ês súes "intreporteires", unhe por país, escollen unha reflexión dalgunhe paisane e envíana aes súes compañeires vía teleonda. Á vez, recompilan as que deste xeito lles chegan e compoñen un rolotexto —cada quen nunha orde distinta— que quimioplasman por ducias e reparten mentres buscan a seguinte novidade. Comparten numeración, iso si: van polo 6'56*10^13.

    #rolvember2023 #virivember2023

  5. Día 25: hamburguesa + Contos do Cúmulo

    A Fartura do Devoroide
    - Localización: Pakrill
    - Aspecto: Peles polos muros, lámpadas de grasa de kindori
    - Propietaria: Glaud, unha panotti con aires de muller noble
    - Clientela: Celesteires thoricas facendo tempo mentres os seus menestrais son reparados no dique
    - Rumor: Disque alguén no asteroide está sacando cadáveres do cemiterio
    - Aloxamento: dispoñible
    - Menú do día: "Hamburguesa" (?) e viño sulimí
    - Prezos: Baratos

    #rolvember2023 #virivember2023

  6. Día 24: mascota + Agaco

    O primeiro rexistro de SFG-2208 é de 1955, un diario do Seminario de Estudos do Territorio. Ignórase se é o mesmo exemplar atopado en 1899 en Cortegada, bautizado por [CENSURADO] como "Feluxe".

    Pode nadar por horas sen precisar descanso. Só ladra (un ladrido) cando faltan menos de 24 h para a morte de alguén do equipo. Polo demais, compórtase como un exemplar común da súa especie.

    Medidas: Alimentalo. Xogar con el. Pasealo 3 veces/día.

    #rolvember2023 #virivember2023

  7. Día 23: dragón + Contos do Cúmulo

    Nos lumes de Denaeb habitan algúns dragóns solares. A súa cor cambia cos milenios: de cría, é dun vermello intenso, que pasa a laranxa, logo amarelo, logo a un branco azulado. Cando chega á fase final, a de gran wyrm, encolle ata o tamaño dunha cría, dun branco puro. Finalmente, ao morrer, o seu corpo colapsa nunha esfera de aniquilación (95% dos casos) ou nun pozo dos moitos mundos (5%).

    [O dato é do libro, miña é a redacción.]

    #rolvember2023 #virivember2023

  8. Día 22: cousas gratis + Decrecentopía

    Cando buscas algún obxecto común, a comuna prové. Se é un consumible habitual (p. e.: alimentos), ou algo de uso persoal (roupa), ou unha cousa básica dun fogar (louza), darancho sen máis. Se é algo de uso infrecuente, atoparalo na cousoteca do barrio ou na central, pero terás que devolvelo e quedará rexistro de que o colliches. Se dubidades, rola+nada: cun éxito, o obxecto está, pero cun 7-9 hai algún pero. DX decide cal.

    #rolvember2023 #virivember2023

  9. Día 21: corazón + Derradeiros Días

    DESCORAZONADE
    Instinto: Transmitir o seu mal
    Alcance: preto
    PG: 16
    Dano: d6+2, presa, contundente
    Armadura: 0
    Descriptores: solitario, sigiloso, taimado, intelixente, terrorífico
    Movementos
    - Apresar con enerxías inhumanas
    - Separar a alguén do grupo mediante trampas
    - Finxir ser alguén inofensivo en problemas
    Detalles: Un parásito suplantou fisicamente o seu corazón, anula a súa humanidade, e lévao a conseguir máis anfitriones.

    #rolvember2023 #virivember2023

  10. Día 20: salvavidas + Derradeiros Días

    Nas soidades da sabana, en terras tabú para as xentes da ferruxe, unha inmensa mole triangular, visible dende centos de kilómetros á redonda, destaca na paisaxe. Doce mil metros de altura de materiais imposibles. Segundo di a tradición, ês antigues creárona para o Día do Lume, como refuxio e futuro fogar nas estrelas. Abandonada por milenios, a maleza cubre ás súas faldas. Ninguén sabe que agocha nas súas profundidades.

    #rolvember2023 #virivember2023

  11. Día 19: chef + Decrecentopía

    Saren Nevares. 31 anos. Especialista de cociña na cooperativa forestal norte da comuna de Silleda-Estrada. Por oficio e afección, é unhe auténtice experte no cultivo de fungos. Moitos dos arquivos sobre micoloxía que están en acceso rápido nos terminais da biblioteca pública da comuna foron solicitados por eli. A incubadora que ten asignada nos laboratorios comunais do sector norte alberga unha nutrida poboación de polimerófagos.

    #rolvember2023 #virivember2023

  12. Día 18: pantano + Agaco

    Tres persoas morreron onte nas inmediacións do encoro de Cecebre. Operativos nosos atoparon os corpos *disoltos* e limparon a escena. Os datos encaixan cos dos informes do Seminario de Estudos do Territorio: segundo sabemos, no '74 as autoridades franquistas deron alí con algo que non comprenderon. O pantano foi a súa forma de tapalo. O baixo nivel das augas probablemente reactivouno. Averiguade que hai alí e neutralizade calquera ameaza.

    #rolvember2023 #virivember2023

  13. Día 17: espías + Decrecentopía

    ESPÍA
    Oficialmente, es parte dunha comuna ou organización, pero secretamente traballas en pro dos intereses de:
    - A Rede Miño-Nordouro
    - A Rede da Cornisa
    - Portos do Finisterrae
    - A Igrexa Católica
    - Ês Arcadianes
    - Renacer Atómico
    ...ou outra. Tes no teu fogar un obxecto incriminante: un libro de claves, documentos delatores, unha radio secreta, etc.
    Cando esteas en territorio da túa facción, podes obter a axuda de axentes afíns.

    #rolvember2023 #virivember2023

  14. Día 15: carpe diem + Contos do Cúmulo

    - Nome: IANTE A VITALISTA
    - Impulso: Contaxiar unha euforia febril pola vida
    - Xogadas: Convencer a alguén de que abandone as súas responsabilidades por unha pasión // Atraer a simpatía e protección da audiencia // ...
    - Presaxios escuros
    —— 1: Iante chega á vila
    —— 2: Unha 1ª persoa é seducida por Iante
    —— 3: Ocupacións esenciais son desatendidas
    —— 4: Familias asustadas fuxen da vila
    - Destino aciago: A vila cae no caos

    #rolvember2023 #virivember2023

  15. Día 14: xuizo + Decrecentopía

    Na Galicia post-industrial, búscase previr os actos antisociais eliminando as súas causas estructurais. As raras veces que se dan, repárase no posible o dano, planifícase e execútase medidas de prevención específicas, e revísanse as xerais. Só en ocasións rarísimas e extremas, un tribunal popular (coa axuda de especialistas) decretará o desterro. Isto, claro está, non é castigo: é prevención tamén. Prevención e consecuencias.

    #rolvember2023 #virivember2023

  16. Día 13: roubo + Agaco

    Non todos os eventos non-mundanos dos que se ocupa a Axencia teñen orixe na activación accidental ou espontánea dun obxecto disonante, ou nas accións dunha entidade alter-mundana con axenda propia. Non: incluso ás más férreas burocracias méteselles de vez en cando algunha mazá podre. Nos contados casos (re)coñecidos, os efectos foron menores; as motivacións alegadas, desestimadas, e as persoas responsables, rapida e doadamente neutralizadas.

    #rolvember2023 #virivember2023

  17. Día 12: festival + Derradeiros Días

    Cáliz é unha das tantas persoas escravas que serven en Esmorga, a festa constante onde milleiros de nihilobacantes gozan —entre manxares, narcóticos, corpos— á espera do Lume que ha de devorar o mundo. Cáliz, en cambio, prefire usar o tempo desviando alimentos frescos e sementes potabilizadoras cara as xentes de Refugallo, o anel de arrabais. É unhe émpata e odia ês súes ames. Axudará a quen obre contra o poder do Anfitrionato.

    #rolvember2023 #virivember2023

  18. Día 11: pacto + Derradeiros Días

    As portas do sentō penduran dos gonzos. Amigues xacen no chan sen vida. Na súa ave de monta, rodeada pola súa hoste, Madamme Paz sorrí. Aquí remata a vosa busca de Cidade Espiral...

    Entón, escoitades os pasos: centos. A tirana xírase a mirar e tamén o vedes: é a xente dos cantís, cos escudos e lanzas des súes avoes! A vella Grun manda parar e repite ao lonxe as vosas verbas:

    —"Que queda nestes tempos se non a palabra do veciño".

    #rolvember2023 #virivember2023

  19. Día 10: teatro + Agaco

    Evento: Teatro Jofre, Ferrol, 2022/08/08

    Pistas:
    - Todos os reloxos están detidos ás 20:41.
    - Unhas febras azuis, como raíces ou veas, esténdense polas paredes dende moitas esquinas.
    - O elenco, no chan, segue a mover os beizos. Semella que declaman as súas partes en silencio.
    - Non hai un conserxe Ramón Ochoa no cadro de turnos.
    - Un exemplar do guión manchado de sangue.
    - No espello dun camerino, escrito: "A Súa Alteza xa está aquí".

    #rolvember2023 #virivember2023

  20. Día 9: masmorra + Decrecentopía

    As noites de inverno poden ser moi longas no século XXIII: a electricidade é un ben moi escaso; os videoxogos, cousa de bibliotecas, e o cine, un evento semanal (con sorte). Pero a Humanidade sabe dende hai milenios como pasar estas noites...

    Cando miras pola xanela, escoitas unha voz dicir "Pois... Ataco coa miña espada vorpalina!". Á luz da cheminea, o grupo está reunido en torno a un feixe de papeis, uns dados, unhas figuriñas.

    #rolvember2023 #virivember2023

  21. Día 8: novata + Decrecentopía

    Entre os 15 e 20 anos, é o máis común tomar un "traballo dos vintes". Estes traballos son os máis arduos (ou ingratos) da comunidade e van asociados a un programa de formación superior. Un exemplo son as brigadas de mantemento dos xeradores maremotrices. En Camariñas, estas brigadas son famosas pola Medardada, a festa de benvida a noves integrantes. Celébrase na efeméride do Medardus, o derradeiro petroleiro naufragado na zona.

    #rolvember2023 #virivember2023

  22. Día 7: arrepío + Derradeiros Días

    Chegades á dendrocidade de Heliconium ao solpor, cando a luz laranxa do día da paso a un vermello sangue. Unha casa-hospicio local ten sitio para vós a cambio dun flitch de ondas mentais por persoa, para o soño colectivo. Mentres ceades, ti, xaciano, observas que un mesmo emblema abunda entre as vestimentas: un óvalo cunha constelación dentro. Iso é: a Igrexa da Pregunta. Non sería raro que sentises un arrepío. Que fas?

    #rolvember2023 #virivember2023

  23. Día 6: compañeira + Agaco

    Antes de ser reclutada, Sonia Ferreiro traballaba na biblioteca pública de [CENSURADO]. Foi nesta biblioteca, durante o evento de 2011/05/30, onde foi testemuña en primeiro grado dos efectos meméticos de SFG-84-A. Non houbo máis supervivintes. Sobre o papel, actualmente está empregada na Biblioteca de Galicia, no Gaiás; en realidade, é técnica senior da sección de Documentos Activos dos nosos arquivos, a 23 pisos de profundidade.

    #rolvember2023 #virivember2023

  24. Día 5: pigmento + Decrecentopía

    Unha das cousas chamativas dos poucos artefactos preservados da Idade Industrial son as súas cores: poden facerse milleiros de cores con materiais locais e procesos post-industriais; pero... non todas. Por iso, non é raro atopar túneles viarios do século XXI sendo coidados polas comunas próximas: é nos seus graffitis, pintados nos muros de formigón e protexidos da chuvia, onde resiste a memoria cromática daquel tempo de prodixios.

    #rolvember2023 #virivember2023

  25. Día 4: esqueletos + Agaco

    No '89, operativos de campo atoparon nun carballo caído de Berdeogas (Dumbría) os ósos dun brazo humano completo.

    Estaban *dentro* da madeira.

    Nos anos seguintes, foron aparecendo noutras árbores do lugar ósos de seis esqueletos distintos de diversa antigüidade. No '93, creouse a Unidade 14 en [CENSURADO], onde se plantaron landras traídas de Berdeogas. Hoxe en día, a colleita anual de restos óseos de U14 é a principal da Axencia.

    #rolvember2023 #virivember2023

  26. Día 3. creación + Cúmulo

    As historias sobre a orixe do Cúmulo son moitas e contradictorias. Si se sabe que, en tempos, albergaba só un sol e tres mundos xigantes con numerosas lúas, fogar de billóns de seres. Co 1º Cataclismo, no que os dous planetas de nomes esquecidos colidiron entre si, creáronse Denaeb —o sol menor— e moitos dos planetoides e os millóns de asteroides actuais. Do 2º Cataclismo e da ruína de Astromundi —o outro planeta—, xurdiu o resto.

    #rolvember2023 #virivember2023

  27. Día 2: piratas + Cúmulo

    Sendo o comercio celeste a seiva que nutre ás sociedades do Cúmulo, a piratería é un fenómeno antigo e ubicuo. Con todo, cando trabadoras thorica atacan os buques comerciais do Imperio, é unha lacra e unha violación intolerable do Tratado do Anel Interior. Pero se, pola contra, é un corsario antilano o que saquea unha pacífica comunidade mineira do Glaciar, é en defensa dos "lexítimos intereses do Imperio". Cousas da política, disque...

    #virivember2023 #rolvember2023

  28. Día 1: oasis + Agaco

    Un calendario do '91 dunha axencia de viaxes de Compostela, atopado nese local ese ano. Fáltanlle as follas ata novembro e, nas que quedan, hai anotacións banais. A foto amosa un oasis con palmeiras e pon algo tipo "Coñece o Sahara máis auténtico". Permite acceder a ese oasis, que parece normal, pero o sol alí non se move e non é ningún lugar coñecido. Non parece perigoso, pero un civil desapareceu e a súa garavata foi atopada no oasis.

    #rolvember2023 #virivember2023

  29. O que pretendo facer e escribir un tuto cada día contando algunha cousa que improvise sobre unha destas catro ideas. Rolarei 1d4 para decidir o mundo. Unha idea nun tuto, ese é obxectivo. Máis ideas no mesmo día non se descartan, pero nunca dúas veces no mesmo mundo por día. Debuxos non se descartan, pero son moi improbables.

    #rolvember2023 #virivember2023

  30. Vou animarme co rolvember de Pórtico deste ano. Aproveitareino para explorar un pouco algúns mundos ficticios aos que lles estou dando voltas. Usarei os hashtags #rolvember2023 e #virivember2023, que os caracteres nom dan para máis, e será un fío (que comeza aquí).

    (Aquí o post orixinal de Pórtico: mastodon.social/@portico/11132 )

    #rolvember #RolvemberEnPórtico #RolvemberEnPórtico2023 #Pórtico #virivember #rol #ttrpg #Galicia #galego #RolEnGalego